Thursday 19 de September de 2024

O Dr. Calafiore responderá en Laxe as dúbidas máis comúns sobre patoloxías da próstata e saúde sexual


• A charla informativa terá lugar este sábado, 25 de maio, ás 19:00 horas, no Salón de Actos Culturais

• Durante a sesión, o profesional responderá as dúbidas máis frecuentes sobre estas cuestións

O Salón de Actos Culturais do Concello de Laxe acollerá este sábado, 25 de maio, ás 19:00 horas, unha charla informativa sobre prevención de patoloxías de próstata nos homes e a incontinencia urinaria en homes e mulleres.

A sesión, que estará impartida polo Dr. Darío Calafiore, especialista en Uroloxía e Androloxía no Hospital Lucus Augusti (Lugo) e na Clínica Bergantiños (Carballo), ten o obxectivo de achegar estes temas á cidadanía e responder ás dúbidas máis frecuentes sobre estas cuestións.

Para iso, o evento levarase a cabo nun ton informativo, cunha linguaxe próxima e centrada en 10 preguntas básicas sobre a saúde da próstata e a saúde sexual. Ademais, habilitouse unha ligazón (https://cutt.ly/DeixaATuaPregunta_CharlaPrevencionProstata) para que as persoas interesadas en participar poidan deixar as súas preguntas de maneira anónima que serán respondidas durante a charla.

Mensaxes claves

O cancro de próstata é o terceiro máis mortal nos homes, aínda que o 90 % poderían curarse en caso de terse detectado a tempo. Un de cada catro homes consultan o seu médico por problemas de sexualidade e as perdas de ouriña en mulleres teñen solución nunha alta porcentaxe.

Estes son algúns dos temas que, entre outros moitos, tratará Calafiore durante a súa charla.